Tuesday 07 de May de 2024

Os socialistas de Ordes ven prioritario que o Concello aproveite o plan ambiental da Deputación para a xeración de emprego


O plan, que será aprobado nas próximas semanas pola entidade provincial, dotará a Ordes con case 50.000 euros

Os socialistas de Ordes consideran prioritario que o Concello de Ordes aproveite o novo plan ambiental da Deputación da Coruña para iniciativas que, ademais de estar vinculadas co medio natural, se traduzan na creación de emprego. O plan, que a entidade provincial aprobará nas vindeiras semanas, dotará o municipio con preto de 50.000 euros.

Neste sentido, o PSOE de Ordes presentará unha proposta no vindeiro pleno na que instará ao goberno municipal a orientar os proxectos que presente no plan á xeración de emprego. A portavoz municipal socialista, Verónica Gómez, explica que “por desgracia, Ordes ten un nivel de paro bastante elevado, polo que entendemos que é moi necesario que se aproveite esta oportunidade que ofrece a Deputación da Coruña para combater este problema”.

O PSOE destaca que a nova Deputación, presidida polo socialista Valentín González Formoso, ofrece unha vez máis plans moi positivos para todos os Concellos da provincia. Por iso, os socialistas lamentan que o alcalde de Ordes non saiba valorar o considerable incremento de investimentos que xa está recibindo e seguirá recibindo o municipio. “O alcalde –asegura Verónica Gómez- sabe perfectamente que os socialistas canalizamos todas as nosas propostas a través do pleno municipal, e por riba de todo debería recoñecer que todo o que se consiga para Ordes será positivo”.

A portavoz socialista expón ademais que o incremento dos investimentos provinciais en Ordes vai evidenciar a total falta de interese do anterior goberno do PP na Deputación, que durante catro anos discriminou a todos os veciños e veciñas de Ordes por un simple criterio de cor política. “A anterior Deputación non resistirá a comparación coa actual en canto a investimentos en Ordes, e iso é o que en realidade non quere recoñecer e mesmo lle molesta ao alcalde”, conclúe Verónica Gómez.